Adrián González e Lucía Blanco gañaron os premios aos mellores vídeos de imaxe real e animación.
Contribuír a través da comunicación á erradicación do idadismo, o conxunto de prácticas laborais, sociais e políticas que discriminan ás persoas por razón da súa idade, é un dos obxectivos centrais da Cátedra de Idadismo, impulsada pola Universidade de Vigo, a Asociación de Familiares y Enfermos de Alzhéimer y otras Demencias de Galicia (Afaga) e a entidade de innovación social Atendo. Nese obxectivo insírese o concurso de vídeos, aberto a toda a cidadanía, que este luns celebrou o seu acto de entrega de premios na sede da Vicerreitoría do campus. Nel, a cátedra recoñeceu co galardón ao mellor vídeo de imaxe real o traballo Din de nós, de Adrián González, e co galardón á mellor peza de animación á estudante da Facultade de Comunicación Lucía Blanco, por !Jubilemos al edadismo! Así mesmo, o xurado decidiu outorgar unha mención especial ao tamén estudante desta facultade Daniel Fernández, pola súa peza Times New Roman.
O acto de entrega estivo presidido polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e nel participaron a directora da Cátedra de Idadismo, Ana Belén Fernández Souto; o presidente da xunta directiva de Afaga, Juan Carlos Rodríguez; e o fundador de Atendo, Luis Barros. Dirixido a facer visible as implicacións do idadismo e tamén a reunir “as visións de diferentes xeracións” sobre esta problemática, como salientou Fernández Souto, na primeira edición deste concurso de vídeos de entre 40 e 90 segundos outorgáronse dous premios de 500 euros aos mellores traballos nas súas dúas categorías.
Da desconexión tecnolóxica á discriminación laboral
Como recollían as bases do certame, un dos aspectos a valorar por parte do xurado era a “mirada interxeracional”, que Adrián González (Adrián Porima) plasmou convertendo os seus avós nos protagonistas do vídeo premiado na modalidade de imaxe real. En Din de nós, este profesional do audiovisual pon o foco en que boa parte das e dos maiores posúen uns coñecementos tecnolóxicos reducidos, unha idea esta peza “dá a volta”, explica, mostrando como os seus protagonistas constrúen unha videoconsola.
Na categoría de animación, Lucía Blanco foi premiada por un vídeo que emprega a técnica dos motion graphics para pór de relevo que o idadismo é unha forma de discriminación “que se dá en distintos ámbitos, como no traballo, na familia ou o amor”. Estudante do Grao en Comunicación Audiovisual, Blanco Vega recoñece que “ata facer o vídeo non era tan consciente do problema e, segundo fun investigando, dinme conta de como pode chegar a afectar ás persoas no seu día a día”.
Alumno tamén desta titulación, Daniel Fernández foi recoñecido cunha mención especial coa que, como explicou Fernández Souto, o xurado quixo recoñecer “a creatividade” do seu traballo. Nesta peza, Fernández Filloy sinala que “as novas xeracións teñen certos prexuízos” respecto do uso da tipografía Times New Roman, a pesar de que grazas a ela “podemos acceder á maior parte dos contidos producidos e reproducidos durante o século XX”, do mesmo xeito que, como sinala o vídeo, “coa dixitalización e os nosos prexuízos estamos deixando atrás” os coñecementos que posúen as persoas maiores.
FONTE: https://www.uvigo.gal/
FOTO DE CAPA: Barros, Rodríguez, Reigosa, Blanco, Fernández Filloy, Porima e Fernández Souto, https://www.uvigo.gal/